Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta súmase á quinta campaña “1m2 contra a basuraleza”, con 63 accións de limpeza en Galicia


― A gran recollida colaborativa anual de residuos, impulsada por SEO/BirdLife e Ecoembes, celebrarase mañá en todo o Estado co obxectivo de concienciar á sociedade ante o grave problema ambiental que supón a acumulación de lixo na natureza

― A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda chama á cidadanía a participar nalgunha das accións organizadas na Comunidade por entidades públicas, empresas, oenegués e colectivos sociais e coas que se aspira a mobilizar a máis de 600 persoas

Galicia acollerá mañá máis de 60 batidas de limpeza e caracterización de residuos en espazos naturais no marco da iniciativa 1m2 contra a basuraleza, unha das accións máis coñecidas do programa Libera, creado por SEO/BirdLife e Ecoembes para loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre este problema medioambiental.

Nesta quinta edición de 1m2 son máis de mil as actuacións colaborativas programadas por todo o país. No caso de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda volverá actuar como embaixadora da campaña, que tras un ano de parón por mor da covid, aspira a mobilizar a máis de 600 voluntarios en distintos puntos da Comunidade co obxectivo común de liberar de “basuraleza” espazos e contornas naturais de gran valor.

Nos últimos anos, o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais tense convertido nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente e, en consecuencia, do planeta.

En resposta a esta situación xorde o proxecto Libera, que a través da ciencia cidadá e das sucesivas convocatorias de 1m2 propón cada ano recoller e caracterizar os residuos de diferentes espazos naturais co fin de estudar o seu impacto no medio e xerar, á vez, un cambio nas condutas da cidadanía.

Ademais, este ano os participantes poderán facer o inventariado dos residuos recollidos dunha forma lúdica e sinxela grazas á nova App Basuraleza, desenvolvida polas asociacións Paisaxe Limpo e Vertidos Cero en colaboración con Libera.

Apoio da Xunta desde 2017
A Xunta sumouse en 2017 por primeira vez a esta iniciativa e un ano máis volverá apoiar todas as accións de limpeza en espazos naturais que se levarán a cabo este 12 de xuño en Galicia, polo que anima á cidadanía a mobilizarse e participar activamente nalgunha das 63 intervencións previstas —16 na provincia da Coruña, 9 na de Lugo, 6 en Ourense e 32 en Pontevedra—.

Entre os organizadores das recollidas colaborativas hai administracións locais e provinciais, organizacións sen ánimo de lucro, empresas, comunidades de montes, asociacións e entidades de tipo cultural ou social e mesmo familias e grupos de amigos, aínda que calquera persoa interesada pode anotarse e participar nestas accións.

En canto ás localizacións, a iniciativa 1m2 contra a basureleza deste ano ten programadas accións en praias como a de Razo (Carballo), Maniños (Fene), Riazor (A Coruña), Porto Chico (Foz), Rueta (Cervo), Con Negro, Raeiros e Aguieira (O Grove) ou A Lanzada (Sanxenxo); en espazos verdes como o parque da Tolda (Lugo), o Monte Galiñeiro (Vigo-Gondomar), a Serra da Groba (Baiona) ou o parque de Valgamarín (Becerreá); e nas contornas do río Támega (Verín), no paseo fluvial de Oira e na praia fluvial da Antena (Ourense), no rio Cádavo (Fene), no río Baa (Ares) ou na senda do río Gallo (Cuntis).

En todo caso, as persoas interesadas en obter máis información sobre calquera das batidas previstas para mañá ou como colaborar coa iniciativa poden consultar todos os detalles na web do proxecto libera.